Participamos na Asemblea 2024 da Rede Acampa para organizar o próximo Encontro Internacional na Coruña

Onte foi a Asemblea anual da Rede Acampa; Rede dende na que colaboramos máis de 60 organizacións. Fixemos balance das actividades do último ano, aprobamos as contas anuais e traballamos sobre o deseño do que será o vindeiro Encontro Internacional. O octavo xa!


Acampa somos unha iniciativa cidadá sen fins de lucro. Nela estamos integrados colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos, sindicais, artísticos, de persoas solidarias, de institucións e de empresas con responsabilidade social.

Temos como obxectivo a defensa dos dereitos humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio, e queremos crear un espazo de encontro para buscar respostas dun xeito colectivo. Profundamos nas causas das migracións e dos desprazamentos que realizan as persoas ao longo do mundo, e buscamos contrastar a información que recibimos ás veces de xeito pouco fidedigno a través dalgúns Medios de comunicación e das Redes Sociais.

O encontro, que cada ano se realiza nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, céntrase en levar á cidadanía a realidade en torno ás persoas migrantes, refuxiadas e que buscan asilo, e os problemas aos que se enfrontan de cara á súa inclusión social plena que é un dos temas fundamentais no debate cultural actual, xa que promove a igualdade de oportunidades e a diversidade en todos os ámbitos da sociedade.

Neste sentido, existen diversas formas de contribuír a este debate e fomentar a inclusión, e desde Acampa traballamos para animar que dito debate estea presente nas canles sociais e non desapareza do centro de atención da opinión pública. Pensamos que a reflexión crítica é clave para cuestionar estereotipos e prexuízos arraigados na nosa sociedade, e esta crítica é fundamental para romper barreiras. Charlas, obradoiros e formacións son valiosos medios para axudar a construír sociedades máis inclusivas, e son un xeito de enriquecer o debate. 

A participación activa en Acampa dos movementos sociais e políticos que a conforman, e que defenden a inclusión e loitan contra a discriminación, é unha forma valiosa de procura da igualdade e a paz.

Achegádevos os días 7, 8 e 9 de xuño ao Encontro Internacional de Acampa! Esperámosvos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *