Mediador intercultural
Dende moi pequena participei en proxectos de integración social en Marrocos, o meu país natal. Traballei como monitora de tempo libre na asociación local Organisation des Scouts Mohammedia (con nenos de 6 a 14 anos en campamentos) durante oito anos, e un ano no Progetto Mondo italiano, o meu primeiro contacto cun proxecto do terceiro sector dedicado á migración legal.
Unha vez en Galicia, no momento máis duro da pandemia provocada polo covid-19, pasei dous meses como voluntario no Pavillón de Riazor no dispositivo para persoas sen fogar. Alí puiden exercer por primeira vez como mediador cultural, descubrindo a importancia de explicar e comprender as claves culturais para a convivencia, máis aínda en situacións delicadas. Así empecei os nove meses de voluntariado na ONG Senvalos, tras os que xa quedan outros oito meses como empregada: neste tempo puiden acompañar a persoas e familias en diversas situacións para a súa efectiva inclusión social.
Aínda que as nosas sociedades contan con cada vez máis medidas de inclusión e integración social, un proxecto como este é necesario para garantir o acceso aos seus dereitos á poboación migrante, así como o entendemento e o coñecemento mutuo entre as diferentes culturas, costumes e valores.
A través de SenValos podo axudar á miña comunidade e ofrecer un apoio eficaz. Tanto a nivel social como humano, co acompañamento en trámites administrativos, médicos, educativos e en calquera ámbito da vida cotiá; así como por outro, mediante unha formación constante e actualizada, promovendo a autonomía persoal necesaria para romper os hábitos de dependencia e favorecer a inclusión laboral.
En definitiva, a diversidade e experiencia do equipo permítenos cubrir realidades variadas que fan da ONG SenValos unha experta na materia.
© Senvalos. Deseño de WeAreCrudo